Welles

De Cine y Filosofía

É o primeiro no seu filme Cidadán Kane que pon en marcha a imaxe-tempo segundo a fórmula de pasados que se conservan en capas que se dilatan... Cada testemuña danos unha versión diferente, subxectiva da morte de Kane, todas elas instaladas nos seus respectivos pasados forman en torno ao feito actual (a morte de Kane) unha zona de "nebulosidade vaga" ou de indiscernibiliade, na que propiamente se sitúa o acontecemento en tanto que in-efectuábel, en tanto que extra-ser incomprensíbel soamente a través da causa-efecto.

  • Mister Arkadin hai un profundo nietzscheanismo en Welles; ao amosar as forzas, os carácteres como aquilo que impera e rixe no acontecemento. Estes carácteres aos que apela Welles serían as famosas "vontades de poder" nietzscheanas e se expresan cinematograficamente en Welles co emprego de plan(o)s e contraplan(o)s, coa alternancia de plan(o)s secuencia e primeiros plan(o)s.
  • Don Quijote será xunto a Falstaff o personaxe preferido de Welles; aquel que antepón á vida e á inocencia a todo intento dominante da vontade, aquel que fai xurdir o fantástico fronte á Historia hipostasiada. Expertos en metamorfoses da vida, a súa potencia de falsidade permítelles entrar en relación, inter-actuar, atopar plan(o)s de inmanencia en todo tipo de situacións. Sorprendentemente neste filme Welles, non sabemos se querendo ou non, insinúa de xeito moi interesante, o ámbito contemporáneo da performance ou video-instalación.
  • Campanadas a medianoche Neste filme Welles si que amosa unha fermosa posta en escena barroca. Dende os espacios, pobres, populares, sensuais, o emprego da luz, das contraluces, o personaxe voluminoso de Falsfat, o tratamento temático da mentira e a ilusión como partes da verdade. Neste filme verdadeiramente a perspectiva macrohistórica, dos grandes acontecementos entre reinos convive moi preto, incluso poderiamos dicir que dentro de, a vida concreta, popular, a fábula e incluso o teatro que acontece dentro do filme. Precisamente será o poder desa fábula, o valor do popular, o que se impoña incluso como gran formador e mestre dos máis valiosos reinos.
  • Fraude Verdadeiro ou falso; ou quizais mellor: real ou ficción, non sempre están en loita nen son antagonistas. Pola contra, a potencia do falso, na imaxe, cobra unha singular importancia. Parece que a través da imaxe, na pantalla, na superficie incluso dun lienzo, dá igual as causas que nos levaron alí, e as que formaron tal cadro da aparencia. Por si soa a aparencia fala, e incluso, para chegar a ela, para chegar a unha superficie sen espesor, cómpre facer caso omiso das causas-efectos que a crean ou poderían crear. Cómpre atender a potencia da ilusión como creadora, re-creadora e produtiva do que acontece na imaxe e na imaxinación. Neste filme Welles adéntrase moi profundamente no fraude e no simulacro como creador da ilusión, mais dunha ilusión que incluso chega a desprazar a unha suposta actualidade máis real. O falsificador de cadros (Elmyr) non soamente pinta tan ben como os orixinais, senón que a súa vida e tan real ou máis que a dos pintores que falsifica, e por suposto el é ao seu tempo timado e estafado polos marchantes e expertos de arte que se aproveitan dos seus cadros tanto como el ou, como se dá a entender no filme, aínda máis. Ademais Welles explora neste filme as posibilidades dun cinema-verdade, un cinema sen actores, ou un cinema documental, no que o propio acontecer cotidiano, a inconsciencia do que se fai, ten máis carga significativa que a representación ilustrativa da idea.

Ademais Welles é pioneiro nun emprego especial da profundidade de campo. Esta deixa de ser soamente algo que acontece ao fondo; e entra en relación co primeiro plano. Así, todo o percorrido que vai dende o primeiro plano até o fondo convértese nun percorrido transitábel, de intensidades, de significacións do acontecemento na imaxe. O que está ao fondo da imaxe deixa de ser secundario; ou ben: o secundario por momentos ascende á superficie, do mesmo modo que o pasado reformúlase continuamente segundo o que acontece no presente, e non é así algo fixo, nin algo obvio, nin algo prescindíbel, etc.