Plan(o)

De Cine y Filosofía

O plan(o) en tanto que superficie xeométrica de visibilidade garda unha serie importante de contradiccións e paradoxos no cinema. A pantalla é un plan(o), mais reproduce unha profundidade. Profundidade de campo ou simplemente perspectiva, o paradoxo do cinema consiste, unha e outra vez en xogar con esta duplicidade, con este efecto da visión. Algo que por outra banda xa fai a pintura dende os seus comezos no lienzo, pero qo que o cinema lle engade o movemento. Logo unha nova dimensión contida, engadida, ao dilema que xa de por si se amosa na pintura. Godard nas súas Histoire(s) du cinema afirma que o arte occidental "sufre" dende un principio o dilema da perspectiva na pintura, que os irmáns Lumiere se encargarán de redimir dalgunha maneira. Como se ao engadir esa cuarta dimensión do movemento-temporal (aquí xorde a diferencia entre imaxe-movemento e imaxe-tempo segundo cómo se empregue esa 4ª dimensión) se conseguira finalmente saír do propio lienzo, producir unha fuga no seu interior, abrir a inaccesibilidade do plan(o) a unha dimensión que inclúe ao espectador e ao seu acontecemento na sala. Expectativas inútiles para o sétimo arte? Sen lugar a dúbidas hai tamén moito diso, e veremos de feito, como o propio Godard ironiza con esa proposta, e en xeral, como o cinema se ve case fracasado, impotente, en relación co que se espera del.

Para entender e profundizar nesta noción de plan(o) vinculada ao movemento o cinema cada vez máis verase na obriga de investigar na noción de fóra de plan(o). Pois necesariamente, o feito de que haxa perspectiva, subordina uns puntos de vista a outros, de tal modo, que se queira ou non, ao final, o encadre apunta necesariamente fóra de si mesmo, inscribe na superficie do que se ve, uns puntos graduados de visibilidade, ao respeito dos cales, crea tamén, por correlación, puntos de invisibilidade, zonas escuras, confusas, que apuntan ao que non se ve na imaxe, o que non se ve na pantalla. Se o cinema clásico, e/ou o cinema na súa orixe, aposta claramente pola visibilidade do que amosa na pantalla, e a capacidade visual da perspectiva, cada vez máis o cinema investigará as nocións de invisibilidade, de fóra de plano, como nocións que afectan directamente á imaxe e ao que se mostra nela, case tanto ou máis como a propia visibilidade. Así, unha imaxe virá marcada polo que oculta, polo que acontece ao seu carón pero que non se chega a ver, a imaxe por tanto oculta tanto como amosa, a imaxe confabula, crea misterio, imaxinación, fainos elucubrar sobre cómo podería ter sido algo, mostrando tan só pistas, signos, eventuais do acontecemento.

Toda esta operación é a que nos leva do cinema clásico ao cinema moderno e/ou contemporáneo. É unha transición que se leva a cabo, entre outros, pero de maneira paradigmática, a través de Hitchcock, coa súa imaxe-relación. O que acontece fóra do plano e con elo a noción de perspectiva cobran cada vez máis importancia. Insisto: tampouco é algo que non pasara xa dalgún modo na pintura, e/ou na fotografía. Mais coa chegada da sociedade mediática e os seus aparatos de control e visibilidade a través de cámaras e aparatos diversos de captura do Espectáculo, fronte a esa sociedade baseada no Imperio da Visibilidade, cada vez máis, artistas e creador@s, comprometeranse máis coas formas de vida minoritarias e os acontecementos marxinais, non televisados e capturados pola imaxe, senón invisibilizados, latentes, ocultos para o gran-ollo (o gran irmán) da televisión e os mass-media. De aí que a investigación contemporánea e por exemplo a antropoloxía que trata de ser non-colonial (Rouch) emprega formas de invisibilidade e confabulación cos pobos que retrata, empregando o fóra de plano para expresar a ineudíbel perspectiva do visíbel e do invisíbel.