Mostraxe

De Cine y Filosofía

Rompendo coa idea do cinema clásico na que é a montaxe a que proporciona unha relación co todo (ou a que dá a idea completa do filme) no cinema posterior (moderno?, contemporáneo?) falamos xa de mostraxe: porque os plan(o)s en tanto que enchidos de tempo manteñen xa unha relación directa co mesmo, e polo tanto co todo. Non se subordinan os plan(o)s á montaxe como algo superior que os ordena (en vertical...); senón que a súa soa sucesión horizontal ten sentido. O plan(o), a imaxe-tempo mostra por si mesma e directamente a súa relación co todo e polo tanto o seu sentido. O filme convértese nun continuo aparecer.

Utopía o contemporáneo Benning realiza hoxe en día esta noción de mostraxe, onde os plan(o)s se suceden como mostras-tempo en si mesmas, sen ningún vínculo directo coa trama que se narra; é máis, a trama está extraída doutro contexto completamente diferente (o diario de Che Guevara) que está superposto como audio do filme. Esta ruptura xa total entre trama e imaxe é como vemos unha canle decisiva da investigación contemporánea do cinema. Con todo, o propio Benning afirma que o que lle interesa son os puntos virtuais de comunicación entre as series, ocasionais, que xorden despois de ter afirmada a diverxencia como tal, despois de terse instalado na mesma.

Relaciónase tamén coa idea de audio-visual, ainda que en grande medida esta última é anterior á de mostraxe.