Introducción

De Cine y Filosofía

Pensamento e imaxe. O seu vínculo. A apertura dun ao outro. As súas resonancias. Non estamos condenados senón ao monopolio do Espectáculo? Pois este non deixa espacio ao pensamento... Porque se exclúe o Pensamento... do Espectáculo. Se lle encadena. Subordínase. Como na caverna de Platón. -Hai tanto tempo! Mais hai unha saída. Un camiño estreito (como para saír da caverna) que nos leva da imaxe ao pensamento. Un novo territorio. Que sen embargo non renuncia á imaxe nin ao simulacro. E aquí, neste taller sobre cinema, nestes arquivos ou base de datos, non se pretende senón, amosar e percorrer as formas que o fixeron posíbel. Sexa a pantalla a parede que proxecta un territorio libre, para o pensamento, a imaxinación, a comunicación, o acontecemento.

Este taller xorde a partir da obra de Gilles Deleuze; sobre todo dos seus Estudos sobre cinema (a imaxe-movemento e a imaxe-tempo). Mais tamén a partir dos filmes que cada vez máis nos falan, as historias que inevitabelmente, nos fan pensar. Trata de ser este espacio un lugar onde re-pensar o teórico e a teoría agora en relación coa imaxe, coa súa potencia imaxinaria e creativa. Tamén; un foro onde comentar/discutir perspectivas e posicionarnos ao respecto, e a partir de aí, cómo non, ampliarnos/amplificarnos en relación con novos proxectos, novas teorías, novas imaxes...

De feito o que neste taller defendemos é a performance como evolución e resultado "natural" e coherente do cinema e da imaxe; incluso como o novo espacio contemporáneo onde propiamente se dá o acontecemento, horizonte que Gilles Deleuze non chegou a tratar propiamente.