Imaxe-tempo

De Cine y Filosofía

A imaxe-tempo caracterízase por darnos unha imaxe directa do tempo, en vez de indirecta, como o facía a imaxe do cinema clásico: a imaxe-movemento. Fronte a esta, a imaxe-tempo non se subordina ao movemento como algo que "hai que filmar" senón que se emancipa do mesmo cara un contacto directo co todo do filme que cambia. Non filmar o movemento, emanciparse do mesmo; é a operación mediante a cal a acción e reacción sensoriomotriz, a acción e reacción tópica que nos suxire unha situación, é desprazada do centro de interese, pasa a ser secundaria, saímos da (digamos que) mecánica coa que estamos acostumados a "estar no mundo", a ver e a ollar o mesmo, case sen posicionarnos, respostamos por costume e hábito ante o que acontece. Pola contra, a imaxe-tempo sae (ou trata de saír) desta preconcepción do mundo e do que acontece, e abre propiamente o mundo e o seu acontecemento (ou abre o mundo como acontecemento) amosando novas calidades, posibilidades, perspectivas, puntos de vista, potencias... do mesmo. Así, imaxe-tempo é: rachar cos esquemas sensoriomotrices nos que comodamente estamos instalados e obrigarnos a posicionarnos nunha nova perspectiva ante o mundo-acontecemento. Para elo fundamentalmente o cinema recurrirá a dous novos tipos de signos que caracterizan a imaxe-tempo:

    • opsignos: son os signos ópticos puros, núos, expresivos por si mesmos.
    • sonsignos: son os signos sonoros puros, núos, expresivos por si mesmos.

Mais nin opsignos nin sonsignos son suficientes por si mesmos. Precisamos para obter unha imaxe-tempo, unha imaxe directa do todo, que estes signos nos leven a algún sitio; non a un tópico ou conducta predeterminada, todo o contrario. A apertura que proporcionan estas calidades puras ten que abrirse á súa vez a novas relacións e forzas que nos permitan configurar, trazar... entre elas, plan(o)s, consistencias de sentido. Así os opsignos e os sonsignos ábrense aos:

  • Morte en Venecia Visconti (1971). Imaxe-tempo neste filme na medida en que no se amosa ningunha acción. Sobre todo nos primeiros minutos temos unha escena na que podemos dicir que non pasa nada. Hai opsignos, como a xeometría de figuras e sombras que forman as casetas da praia, e sonsignos: o propio son da praia ademais dunha voz que canta en ruptura absoluta co acontece na imaxe e a súa posíbel acción. O audio-visual escindido será a característica resolutiva da imaxe-tempo, cando o son xa non fala da imaxe nin a imaxe lle dá corpo ao son. Para rematar, para consumar: o acontecemento que nos sobrepasa, que nos desborda; a propia morte como algo que nos acontece, non como acción ou resultado dunha acción, un erro... senón como algo que sobrevén, incluso, neste caso maxistral, como incapacidade para controlar tanta beleza, unha estética rebosante. Os filmes de Visconti serán eminentemente estéticos i este estilo o emparenta co tratamento da imaxe-cristal.