Imaxe-mental

De Cine y Filosofía

Marca o paso da imaxe-movemento á imaxe-tempo; pois fai referir a imaxe xa non a algo que aconteza no exterior, no mundo, na súa relación de causas-efectos; agora se refire a un plano interior, mental, de pensamento. Isto non quere dicir que non se amosen relacións "mundanas", é dicir, non significa que a imaxe non recolla relacións causas-efectos, relacións físicas... senón que por riba destas relacións hai unha dimensión mental a que se alude e a que se chega, unha dimensión mental na que inciden eses movementos que antes tiñan significatividade en si mesmos. O aspecto narrativo do cinema pasa a cargarse cada vez máis no pensamento e na súa capacidade de cuestionamento, segundo unha relatividade da percecpción da imaxe e tendo en conta cada vez máis o que aporta á visión o espectador.

  • Hitchcock será o cineasta clave neste tránsito; el é quen consuma en grande medida a capacidade da imaxe-movemento e a abre a unha imaxe-mental, que é imaxe-relación ou inscrita nunha serie de relacións que hai que interpretar, ou mellor, entre as que propiamente non acontece nada senón o propio pensar, a propia posición de quen observa e comprende algo que mnunca está do todo dado no filme. Baixo este rexime da carencia ou digamos que do espazo baleiro insertado na trama, Hichcock consuma certo devir da imaxe-acción cara unha imaxe-mental que ten a súa importancia na interpretación e lectura desta imaxe; e quizais sen sabelo, introduce a posibilidade da imaxe-tempo.
  • Outro exemplo clave que introduce a imaxe-mental son os irmáns Marx; en concreto Groucho Marx aporta un terceiro nivel interpretativo e mental fronte a un nivel primeiro e segundo (dos afectos e das accións respectivamente nos seus outros dous irmáns) de tal modo que sen aportar nada en termos de causa-efecto á situación, Groucho interactúa continuamente co seu plano de sentido, valor e interpretación. Polo tanto co seu plano mental.
  • Bergman mediante a imaxe-rostro toma un atallo, se cabe xenuino, cara a imaxe-mental. O rostro como superficie e máquina é quen de rexistrar o EXTRA-SER do acontecemento. Aquelo que non acontece propiamente nin nas palabras nin nos corpos. Senón no seu entre. No infinito aparato articulativo do rostro.