Imaxe-afección

De Cine y Filosofía

Segundo nível da imaxe-movemento que vai alén da perspectiva dun estado de cousas cara un afecto ou calidade que estas cousas nos provocan. Sen chegar a unha acción provocada por os estados de cousas, o que si se provoca ou efectúa é o afecto. O afecto por tanto que se sitúa entre percepción e acción. Unha tendencia, un desexo, un anhelo... Exprésase sobre todo a través do primeiro plan(o); o rostro, a súa expresión. Aquí Deleuze distingue entre o rostro expresivo, composto de micromovementos, cambiante... e o rostro inmutábel e duro, expresión de admiración na que continuamente imos proxectando o que acontece no filme, na trama, no argumento. A imaxe-afección consigue recoller todo aquelo in-efectuábel propiamente na trama do filme, todo aquilo inenarrábel, precisamente aquela parte que en palabras de Blanchot "non se deixa actualizar" nos estado de cousas. Extra-ser do que acontece; se cabe a imaxe-afección é a que máis preto está da imaxe-tempo, de darnos unha relación directa co todo, co tempo, unha expresión do pensamento como tal. Sen embargo, neste contexto da imaxe-movemento aparece aínda ligada e subordinada á acción e á trama.

O rostro cando chora, cando se admira, cando se ateroriza, cando se sorprende, cando cuestiona, cando ri... segundo cómo ría, segundo como se articulen a infinidade de micromovementos que posúe a faciana, pode expresarnos a súa vez con exactitude infinitesimal o que acontece no filme que non se dá expresado precisamente por moito que se amosen situacións - accións. Ou ben, o rostro impasíbel e inmutábel como faciana na que toda proxección cabe, toda pequena variación da impresión que o espectador ten do que acontece, varía e muta, ten tempo a formarse durante o primeiro plan(o) inmóbil.

Sen embargo pode haber primeiros plan(o)s, imaxes-afección sen ser de rostros. É se cabe un nível máis alto, ou evoluído, ou emancipado desta imaxe. Cando a imaxe-afección recolle, tamén normalmente en primeiro plan(o), un estado de cousas, un obxecto, aamosando sobre todo a súa calidade. A humidade da herba, dun chan mollado... O brillo dun coitelo antes do asasinato... Son afectos que se instalan propiamente no extra-ser do acontecemento, naquelo inenarrábel propiamente con feitos.

Por esta razón a imaxe-afección sitúase tremendamente preto da imaxe-tempo. Pois veremos cómo esta se constitúe bsicamente de opsignos e sonsignos que son propiamente calidades ópticas e sonoras puras.

No tratamento do rostro destaca Bergman quen fixo do primeiro plan(o) case un tipo de cinema propio.

No tipo de imaxe-afección relacionada con cousas e calidades directamente destacan Bresson e Dreyer.

A imaxe-afección tamén dá lugar á imaxe-pulsión e ao naturalismo como variante.