Godard

De Cine y Filosofía

É un dos creadores clave da nouvelle vague. O seu cinema é moderno, que introduce moitas novidades respecto ao clásico e incluso respecto ao cinema de posguerra como pode ser o neorrealismo. É un cinema dos corpos.

  • Ao final da escapada (1960) supón un dos primeiros ensaios e posta en práctica da alternativa francesa ao cinema clásico no que despois se chamaría a nouvelle vague. Hai que cambiar a estructura da gran narración, do grande relato, das grandes personaxes, os heroes, os grandes temas... Algo que xa tratara, ou facía, o neorrealismo italiano. Sen embargo, as claves que aportarán estos franceses da nova ola van ser diferentes. Romper o guión dende dentro, falar dende a situación real, e marxinal moitas veces. Como no caso deste filme: o amor dende o punto de vista dun fugitivo da xustiza, un ex-boxeador. Outros elementos da nouvelle vague que podemos atopar neste filme son: escenas abertas e non totalmente prefixadas, os escenarios fóra do estudio, gravacións en exteriores cotiás, as referencias autobiográficas, as referencias a outros cineastas... Mais, qué é o que se define entre todas estas cousas? Soamente outro modo de facer cinema e de proclamar a liberdade do creador ou incluso da sociedade? Pois moito disto si que hai: por tal como se trata o amor neste filme, por exemplo, dun modo nada idealizado, aberto á esquizofrenia da parella, á dúbida da idealización... iso non se trataba así antes. A ruptura coas técnicas narrativas e a reinvención das mesmas (a reinvención por exemplo do audio-visual, como fractura) vai acorde con esta des-idealización das temáticas e do inconsciente tamén, con elo; a renovación do modo de verse que ten unha sociedade, así como do seu modo de crear. Todo xunto, unha cousa involucrándose á outra, despreocupándose unha da outra, liberándose unha da outra... isto é en grande medida o que aporta a nouvelle vague á crise de valores europea.

O marxinal en Godard faise poético, como o xuvenil, a fuxida, o devir, o delirio. O minoritario e excluido confabula unha nova potencia e con elo a idealización universal dos modelos da vella europa derrúbanse polo seu propio peso.

  • vivir a súa vida (1962) Rozando o documental a realidade supera á ficción; ou ben: o máis expresivo que hai, o máis artístico, é o devir extraño da vida, as circunstancias polas cales unha persoa sobrevive, cambia, se transforma, evoluciona. A verdade que se encerra nas vidas que se dan a si mesmas, que se entregan... posúe a sutilez máis profunda: aquela que as deixa ás portas da morte; por así vivilas. Non está claro se Godard documenta, se retrata; unha realidade que por outra banda cada vez é máis debatida na contemporaneidade... a da prostitución; ou ben se crea a partir dela, outra cousa: se a re-crea. No fondo podemos ver a descripción duns mecanismos que nos empurran na nosa sociedade cara situacións hostís e desagradábeis, e cómo, nese rincón ao que se nos reclúe, subiace, se cabe, pervive, subtil, a chispa derradeira pero máis clara e definida da vida.
  • histoire(s) du cinema Magnífica montaxe e recopilación de Godard acerca do cinema; do seu significado e da súa evolución. Incluso da súa potencialidade. Habería moito que dicir sobre esta sorte de documental. En primeiro lugar a súa extensión: 4 dvd's. Neles Godard interpón imaxes de filmes, con audio de filmes, con reflexións propias; nunha delirante superposición, interposición de perspectivas que sen embargo, ordena en temáticas ou intensidades que acontecen e se insinúan. Entre elas, destacariamos: o cinema no límite, na fronteira coa súa popularización, sobre todo, a través da televisión. Godard está xa convencido de que aquí hai un problema. Ata afirma que a nouvelle vague, que parecía ser o principio de algo novo, dun rexurdimento do cinema contra a industria, era sen embargo un fin; unha especie de derradeiro suspiro, derradeiro coletazo dun arte definitivamente derrubado. E quizais con este derrubamento non soamentes se cae o cinema como sétimo arte; senón tamén occidente enteiro; o imaxinario europeo-cristiá... sucumbe ante a súa propia potencia. Era a esperanza popular e quase democrática do arte; esa popularización que é a pantalla e á que aspira o cinema. A pantalla como substituta da historia inalcanzábel para o pobo. A pantalla como unha nova historia para o pobo. O pobo que entraba nunha nova dimensión do acontecemento a través do cinema. E sen embargo, todo isto foi defraudado, feito miseria, a través da industria e da televisión; a través dos nacionalismos e os fascismos, a través das políticas da imaxe e incluso a través da propia ansia e produción desexante do pobo que non estaba preparado para o que o cinema lle ofrecía. Un espello da súa líbido.

Historia do cinema. Historia da actualidade. Actualidade da historia. -dinos Godard. Mais non estamos totalmente de acordo. Ou matizando: si estamos de acordo en canto a pretensións; a pretensión do cinema foi seguramente ser esa historia da actualidade; mais precisamente é aí onde se arruina, pois o que aparece na superficie da pantalla non é senón virtualidade. Facer do cinema un espacio de expresión e manifestación do virtual, non sometelo ao dominio do acto e do actual, como ten pretendido, sobre todo a televisión e os medios de comunicación, por aí pasa unha auténtica liberación da imaxe e a súa potencia paradóxica; aquela que non está arranxada por ningunha subxectividade ou grupo de subxectividades en particular (aquelas que supostamente dirían qué é o acto e o actual e pecharían así a apertura radical de interpretación e posicionamento que de por si ten o virtual).

Historia da soidade. Soidade da historia -efectivamente hai unha cuestión monadolóxica no cinema, xa en tanto que xogo de perspectivas ao respeito do todo que é a imaxe-movemento; mais tamén en canto á ausencia de ventás que posúa a perspectiva do auténtico espectador (ou espectador ontolóxico). Pois do que se trata, segundo o noso punto de vista, é de espertar a mirada ontolóxica de cada mónada, é dicer, de cada espectador. A perspectiva única e incomunicábel en toda a súa extensión e definición. E polo mesmo: o xogo dende o cal non hai un punto de vista que sentencie o acto (a actualidade) do que acontece na pantalla. Aínda que Godard fala de soidade da historia quizais con certo reparo, ese reparo, ou esa saída do espectador fóra de si cara unha comunidade que digamos que ve e presencia a imaxe dun modo emancipada, pasa, para nós, pola asunción da non-comunicabilidade absoluta das perspectivas en toda a súa definición, senón tan só, en claridades compartidas temporalmente, territorialidades que en periodos fugaces se lle desvelan a un tempo a unha comunidade meta-estábel...

  • "Para min a máis grande historia é a do cinema; é a máis grande porque se proxecta..."
  • "O espectador da TV é proxectado, o do cinema é atraído. A televisión reduce a forma do cinema".
  • "Por iso, soamente o cinema permite a Orfeo volverse sen facer morrer a Eurídice".
  • "Que o cinema estaba en principio feito para pensar, esquecerase pronto. Mais iso xa é outra historia..."

Entrevista a Godard en Histoire(s) du cinema.