Fellini

De Cine y Filosofía

Amarcord con Fellini a vida é espectáculo, a mirada refléxase no espello do espectáculo onde unhas xeracións ven ás outras, o espectacular inserto no cotiá, na vida mesma de cada dia é o que separa e une ao mesmo tempo as diferenzas dos puntos de vista que se atopan. Ese espectáculo das pequenas cousas, que todo o subsume, fai que o propio filme sexa acontecemento, alén de protagonistas ou tramas principais. Nesta escena o pequeno pobo italiano que nos amosa Fellini disponse a presenciar a colosal chegada nocturna dun maxestuoso cruceiro que pasará pola súa beira. Será un belo instante ao final do filme que en certa maneira unifica e integra ás dispares personalidades que levábamos vendo dende o principio. O gran cruceiro pasará e todos atónitos e emocionados lle aplaudirán, non máis, e volverán felices (e inocentes) ás súas casas. É o momento no que se amosa que hai verdadeiramente un afora do que acontece no pobo, e de novo ese afora vén marcado polo espectacular.

Non haberá que agardar moito para ver en cineastas contemporáneos, como en Kusturica, cómo este devir espectáculo da vida, colle se cabe máis forza aínda chegando incluso a ser violento, perigoso, agónico...