Estudos sobre cinema

De Cine y Filosofía

Os Estudos sobre cinema de Gilles Deleuze ocupan 2 volumes: A imaxe-movemento e A imaxe-tempo. É polo tanto un díptico que aínda que permite certa lectura independente defende ao longo das dúas partes unha mesma tese. Esta é o paso da imaxe-movemento á imaxe-tempo. Os volumes foron publicados en Éditions de Minuit, París, en 1983 e 1985 respectivamente e pronto se converteron nun referente internacional na reflexión sobre o cinema. Traballo interdisciplinar, Deleuze pon sobre a mesa argumentos filosóficos, sobre todo de Bergson, pois desenvolve as súas teses sobre movemento, mais tamén hai moito de Nietzsche, Artaud, semiótica de Pierce, Kierkegaard, Pascal, Blanchot... Manexa tamén innuberábeis filmes, tanto clásicos como os que chama modernos; a lista debe chegar ata 500 filmes. Ademais innumerábel tamén a bibliografía sobre cinema; algunha dos directores mesmos: Eisenstein, Pasolini, Epstein... Outra de estudos sobre eles, entrevistas, ou estudos xerais sobre cinema: Bazin, Amengual, Burch... I é precisamente neste triángulo no que se posiciona Deleuze. Non é historia do cinema, non é mera reflexión sobre a imaxe tampocuo, tampouco é exactamente filosofía; ou si? Quizais o sorprendente das teses que manexa aquí Deleuze sexa que, como nos ten acostumados, a traves de estudos dos demais chega a unhas teses verdadeiramente propias. O que pasa é que agora non é unha pedagoxia de Kant, nin de Nietzsche, nin de Leibniz ou Spinoza o que propón; senón unha pedagoxía da imaxe e da súa evolución. En concreto, esta evolución consitiría no paso da imaxe-movemento á imaxe-tempo que faría do cinema o arte ou técnica capaz de amosar directamente unha relación co tempo. Mentres na imaxe-movemento o tempo se subordina ao movemento, na imaxe-tempo temos unha relación directa con este, o cal nos leva a replantexar moitas cousas no paradigma do pensar. Xa a imaxe-movemento de por si racha co paradigma clásico do "pensar" ou da filosofía: pois parte da descripción do movemento como non-completo, a descripción do Todo como aberto e imposíbel de captar, rexistrar, pensar... como absoluto. A partir destas bases que senta o cinema clásico, o cinema posterior, o que vén despois das Guerras Mundiais vai a profundizar nesta capacidade do pensamento: o pensamento mesmo en relación co aberto, co non-completo, co que cambia, co que varía, co tempo... E non esquezamos aquí as primeiras teses de Heidegger, que Deleuze paradoxicamente apartara en grande medida nos seus primeiros escritos. Agora, por unha razón ou por outra o tempo pasa a ser fundamental, pasa a ser medida directa do pensamento, do abismo, instante de apertura, presente vertical. O cinema, a pantalla, a imaxe esíxenos unha atención, obríganos a activar unha serie de mecanismos mentais que pola súa propia inercia, e pola maneira en que nos levan, pódennos chegar a facer sentir-pensar o intolerábel, facernos conscientes da rutina do pensamento, dos seus hábitos e da súa mecánica, e a partir de aí, tratar de forzala para abrir unha brecha ou fisura no medio. Seguindo a Artaud, estariamos obrigados a afirmar que o cinema nos obriga, por vez quizais primeira na tradición, a pensar. O que trata de soster Deleuze e o que propón é que o cinema é un arte (se se quere, ou unha técnica) que agora, despois de terse convertido en grande industria, despois de dar moitos, excesivos e banais froitos, pode comezar a desenvolver a súa verdadeira potencia.

Temos a disposición o primeiro volume de Deleuze sobre o cinema aquí e o segundo volume aquí.