Encadre

De Cine y Filosofía

O encadre é, por definición do cinema, unha parcialidade do todo; xamais é posíbel no cinema un encadre que sexa igual ao todo, que recolla o todo, que o subsuma. O todo, no cinema, sempre desborda o encadre. Por iso a imaxe cinematográfica é unha imaxe descentrada e pode xerar, deste modo, a imaxe-movemento.

A noción de encadre vai directamente asociada á de fóra de plan(o); sería todo aquilo que non aparece no encadre, mais que dalgún modo, ten certo tipo de efectividade ou presencia no encadre. Cada vez máis, no cinema, van a ir collendo importancia estes elementos ou digamos que zonas da imaxe que propiamente non se ven; que quedan fóra de plan(o). É máis, Gilles Deleuze, nos seus Estudos sobre cinema, resalta o fóra de plan(o) precisamente como un dos elementos que permitiría o paso da imaxe-movemento á imaxe-tempo; ou doutro modo, a través do fóra de plan(o) foi que se puxo en crise a imaxe-acción. Ao comezar a ter relevancia o que acontece fóra do encadre, cada vez máis, a acción que ata o de entón o encadre amosaba, deixaba tamén de ter a máxima importancia, e comezaba a tela segundo elementos colindantes á mesma, obxectos ou accións cercanas, conectadas, insinuadas, mais propiamente non-visíbeis ou invisíbeis no plan(o) da imaxe. Foi entón que a imaxe comezou a emitir signos, indicios, xerar marcas do que acontecía e non intentaba tanto xa amosar a acción en toda a súa extensión.

Hitchcock é considerado un dos mestres (senón o mestre) do fóra de plan(o). Os encadres en Hitchcock están todos eles minuciosamente pensados, xogando continuamente cos lindes da imaxe, con perspectivas nas que un personaxe de espaldas, un obxecto, unha mesa, etc. deixan fóra de plan(o) un acontecemento crucial na trama, unha pista clave na historia de suspense, intriga e asasinato que normalmente crea. Por isto, moitos din que Hitchcock integra deste modo ao espectador no filme, pois o importante, as claves do filme non se amosan propiamente, quedan aos lindes da imaxe, e por iso fóra dela, nas butacas, entre o espectador que vai unindo cabos soltos e remata sendo o único que completa o cadro do que os personaxes non son máis que parcialidades.

A soga é quizais unha obra mestra de Hitchcock na que sen cambiar de escena vai xerando unha grande tensión en torno a un crime, que mantén o cadáver precisamente no espacio continuamente; mais invisíbel, oculto. O cadáver está fóra de plan(o) para a maioría dos personaxes, e son os elementos parciais (a soga, os libros, as copas...) os que comezarán a remitir ao corpo e ao crime.