Cinema sonoro

De Cine y Filosofía

Que introduce respecto ao mudo? En principio poderiamos falar dunha nova dimensión: unha cuarta dimensión que sería propiamente o son fronte ao volume da imaxe visual. Agora ben, o importante é sinalar as consecuencias que isto trae. A primeira é que o cinema pode rexistrar mellor (ou por vez primeira) a conversación, e con ela, a interacción mesma do que acontece alén dos personaxes, das estructuras prefixadas, das accións-reaccións. O son, a palabra falada permite amosar unha interacción coa imaxe gravada. Punto no que inicidirá sobre todo a comedia clásica americana de Capra, Cukor, Mc Carey, Hawks. O son e a palabra van marcando por si mesmos un acontecer, que pode ter diferentes acentos e velocidades, é dicir, sobre o que cabe incidir, transformando desta maneira a simple imaxe visual, a un nivel que non era capaz nin o teatro nin a novela, demasiado suxeitos ás formas, aos guións, ás asociacións predeterminadas... O son, a música, a palabra, o ruido... van facendo un camiño propio, van abríndose unha visibilidade incluso no medio da imaxe. Agora ben, isto mesmo nos remite a outra cousa: corre o perigo o cinema sonoro de volverse redundante, tautolóxico?: reiterando o seu dicir imaxe e son. Por iso, xa o Manifesto soviético de Eisenstein, Pudovkin, Alexandrov... destacaba o interesante que era recoller o son do que non aparece: "as pisadas das botas ten sentido escoitalas cando estas non se ven...". E un pouco despois e con máis énfase Bresson declaraba que se unha imaxe se podía entender cun son entón era preciso elminar a imaxe. De novo, a diferencia do teatro, o cinema sonoro permitía un novo tratamento do fóra de campo. Remitía, ou debería remitir, a un afora do que se ve, non redundar con el, senón amosar (visibilidade) outros sentidos ou significacións. É dicir, mediante o cinema sonoro, o son facíase visíbel, ao mesmo tempo que, por iso mesmo, a imaxe facíase lexíbel: podía ser mal vista, mal-interpretada, etc. Contía algo a descifrar, a ler, alén do inemediatamente dado. Véxase tamén a entrada audio-visual.

O gran dictador Con este filme Chaplin arrisca en grande medida co sonoro e trata de realizarse nun plan(o) no que até o de entón, polo momento, rexeitaba. Mais a irrupción de Chaplin no sonoro, e incluso, do cinema, a través deste filme, vai ser clave. Neste discurso, contén case toda a potencia do cinema: alén da cuestión do sonoro propiamente, está a cuestión do pobo, a nación, o cinema como arte de masas, a segunda guerra mundial que articula unha nova etapa da imaxe... O que fai Chaplin será paradigmático: disocia a imaxe do discurso, pondo en boca dun suposto Hitler (o seu simulacro) un discurso humanista e antifascista. Sen embargo, isto o mistura con imaxes históricas das masas. Como afecta o discurso a imaxe? E como afecta o conxunto á Historia; aos pobos? Por unha banda cabe cuestionarse a eficacia do discurso; por outra pode entenderse que hai unha contraefectuación do seu logocentrismo, do seu imperialismo, no reflexo reverberante da imaxe que se repite e funciona do mesmo modo.