Cinema-verdade

De Cine y Filosofía

Destacan Rouch e Perrault; e quizais na contemporaneidade poderiamos engadir á escola do Dogma. Partindo do documental e do rexeitamento de toda ficción, da exclusión de toda veneración, chegan a un filme que vai alén do mesmo (documental). Van descubrindo e abrindo o circuito obxectivo-subxectivo, facendo ambas posicións cada vez máis indiscerníbeis. Xa non é a cámara a que nos amosa obxectividades e o personaxe subxectividades. Os puntos de vista acóplanse, resoan, amplifícanse. Da narración ao relato e do relato á fábula. O resultado é unha sorte de monstro ou besta indeterminada, no que a cámara sen ser un personaxe de ficción si que é un personaxe "ficcional", que manexa a chamada potencia do falso. Filmes como Pour la suite du monde, Pais de la terre sans arbres, La bete lumineuse... son filmes nos que cesa a veneración a un tipo de personaxe, a un tipo social, a unha sociedade, a un status; e a indeterminación deste fai devir-besta ao protagonista, un devir que por si mesmo crea, na súa fábula, provoca, ou contribúe á invención dun (novo) pobo. O que rexeita o cinema-verdade é a premisa ata entón fundamental do documental "o cómodo do documental é que un sabe quén é e a quén filma". do que se trata é de saír da civilización dominante cara novos devires do pobo, novas fábulas nas que poidamos recrearnos. Non sabemos quen somos, o propio cineasta perde a súa identidade. Non sabemos a quen filmamos; máis ben procuramos, buscamos, devimos coa cámara. Parten por iso con material lixeiro: cámara ás costas e magnetófono sincrónico. Do que tratan é de "facerse outros", seguindo en grande medida as premisas de Rimbaud: "son de raza inferior dende a eternidade... son unha besta, un negro...". Xa non se trata do Nacemento dunha nación (Griffith) senón dunha (re)constitución dun pobo onde personaxes e cineasta fanse outros mutuamente derrubando a diferenza obxectivo-subxectivo e creando un novo circuito da fábula, do fabuloso. E no fabuloso como tal, non cabe a ficción como modo.

  • Rouch coa súa cámara no corazón de África tratando de encabalgar, facer resoar, vibrar: o punto de vista obxectivo e o subxectivos, no instante no que ambolos dous se montan, ou estoupan e producen un novo devir ficticio, ou fabuloso... da realidade filmada.

Véxase tamén cinema-ollo