Cinema-abstracto

De Cine y Filosofía

Moi preto das figuras centralizadas, que evitan o centro de in-determinación que caracteriza o cinema, sen embargo, seguramente por iso mesmo, amosan mellor a diferenza. A diferenza está en que os centros son des-centrados ou a-centrados. En que as figuras entran en devires excéntricos que aluden a fóras de plan(o)s. Digamos que a concepción do Todo alude á parcialidade aceptando que non podemos ter desa totalidade máis que unha perspectiva ou sección da mesma...

  • Diagonal Symphonie de Eggeling desenvolve ás tensións lineais fóra de eixo en bastante relación co traballo de Kandinsky.
  • Rhytmus 23 de Richter máis próximo á expansión puntiforme propia de Paul Klee.

Xa máis adiante, unha versión máis contemporánea deste cinema-abstracto libérase tamén das formas orgánicas ou digamos que das relacións orgánicas entre as formas. A interrupción pasa a ser o eixo fundamental da construcción e o son pasa a ter un papel novo i esencial coa imaxe:

  • Begone dull Care de McLaren, cinema sen cámara, liñas, puntos e cores abstractos, absolutamente descentrados, sustentados na interrupción ou o corte mesmo, disociación radical entre as imaxes, sonsignos e opsignos en estado puro. Iso si, pouco conectados coa vida real, se cabe.

Un paso máis adiante, cara o intersticio no que se une o dentro-fóra, a recepción e a proxección, o cerebro e o cosmos... son as pantallas negras e brancas (ou de cores) que emprega unha terceira xeración deste cinema abstracto. Instante de corte que pecha o circuito aberto pola interrupción irracional nunha pura indiscernibilidade do dentro e o fóra da proxección proxectado. Non sabemos se a imaxe é o que se proxecta ou é a superficie sobre a que se proxecta. Do mesmo xeito: cerebro-cosmos. Resonancia.

Por outra banda o cinema-abstracto pode estar tamén moi relacionado co mecanicismo francés en filmes como ballet mecanique ou a través de Marcel Duchamp en Anemic cinema co surrealismo.