Buñuel

De Cine y Filosofía

Pola súa maneira de tratar a imaxe-pulsión ou imaxe-afección Buñuel é un pioneiro que entrevé a posibilidade da imaxe-tempo. Sobre todo a través da repetición (kierkegaardiana) da acción e do ethos os personaxes poden saír do círculo do mesmo onde se atopan pechados e ábrese así unha porta no mundo orixinario do naturalismo cara o acto mesmo, como acontecemento, en relación directa co tempo. Un claro exemplo disto é o final de El angel exterminador, o que noutros filmes como Simón del desierto queda tan só insinuado e para alguns pode que inxustificado a través dunha especie de rapto inexplicábel que devolve ao ascético protagonista ao espacio-tempo actual, nunha festa de jazz moi libidinal.

Simón del desierto Buñuel. Simón sometido a todo tipo de pulsións, afectos orixinarios, no mundo reducido i exclusivo que se crea en torno á torre na que medita e se abiecta. Loita contra as tendencias establecidas polos costumes e procura dun impulso propio, cuestionamento do que sería este impulso propio. Ao final hai unha traslación - salto - conexión co espacio-tempo actual, urbano, do século XX. Que nos di toda a historia anterior do mesmo? Que nos aporta esta especie de superposición de plan(o)s? Que cuestiona, que abre? Quizais para moitos sexa ilexítima. Sen embargo, pola conversa final, a pregunta "en que pensas, Simón?", etc. remite diretamente ao deserto e abre unha reinterpretación case total dese mundo na actualidade. É deste xeito que o naturalismo de Buñuel non se queda nunha mera separación ou rexeitamento do mundo actual-contemporáneo, senón que incide, ao final, dalgún xeito, diretamente nel.

El ángel exterminador De nonvo as pulsións sociais contidas, ou enmascaradas na cotidianidade da sociedade amósanse aquí, nun novo espacio, na súa intensidade e profundidade descuberta. O espacio orixinario é agora esa casa onde se celebra o encontro social e na que estraña e enigmaticamente os invitados quedan pechados, retidos. A angustia, a claustrofobia, a aparición dos afectos e as pulsións primitivas, instintivas en personaxes aparentemente complexos da sociedade derruba a consistencia de moitos dos ethos de clase e abre a porta da súa profunda verdade; ou se cabe, soamente a súa sinxela verdade. A interposición dun límite, no mundo social, aínda que este só sexa "aparente" ou creado, inventado, fantástico (paranoico?) como no caso deste filme en concreto, amosa de súpeto a inestabilidade fundamental dese mundo, que se disolve cando ten que respostar aos seus pulos primarios. Mais de novo neste, filme, Buñuel non se queda coa mera suposición, e fai pór en relación ese mundo sectario do filme, co acontecer hisórico-actual-contemporáneo que lle corresponde. Pero é que incluso son as normas sociais, as convencións da "alta sociedade" burguesa, as que sectarizan a vida e os instintos, as que crean dinámicas e corpúsculos especulativos sempre que negan e impiden a iniciativa.